Néboa volve situarse nese punto onde o pop deixa de ser unha formula pechada para converterse nun espazo en movemento. “San Xoán”, segundo e último adianto do seu vindeiro álbum, chega dous meses antes da noite máis simbólica do calendario galego, apropiándose do seu imaxinario para levalo cara un terreo máis abstracto e emocional.
O tema recolle a liña que xa deixara entrever “Atracar (maneo)”, onde a electrónica dialogaba coa raíz e co pulso do folclore. Aquí a proposta medra cara un pop máis etéreo, cunha melodía clara que serve de guía mentres ao redor se constrúe unha arquitectura sonora máis esquiva, con capas que se moven entre o orgánico e o dixital.
Hai unha vontade de tensión constante, de non acomodarse. As referencias poden situarse en nomes internacionais que tamén entenderon o pop como laboratorio, mais Néboa non se limita a dialogar con eses códigos, senón que os adapta a unha identidade propia, atravesada polo contexto galego e por unha sensibilidade que mestura o ritual co contemporáneo.
“San Xoán” volve contar coa participación de Barco Fantasma, unha presenza que comeza a adquirir forma dentro do universo do grupo. Máis que unha colaboración puntual, percíbese como unha extensión do proxecto, unha capa máis nese proceso de expansión sonora que acompaña esta nova etapa.
O disco verá a luz o 23 de maio e terá as súas primeiras presentacións en directo en Galicia, cunha dobre cita que funciona tamén como declaración de intencións: proximidade, salas e contacto directo co público.
Próximos concertos
- 5 de xuño en Santiago de Compostela, na Riquela Club
- 6 de xuño en Ourense, no Café & Pop Torgal

