Carlangas afonda nas feridas abertas e presenta “Familia S.L.”, último adianto de Universo Paralelo

Hai algo incómodo en chamar familia ao que doe. “Familia S.L.”, o novo single de Carlangas, sitúase nesa emoción que transcende ó sanguineo. O tema funciona como último avance antes da chegada de Universo Paralelo, o seu terceiro traballo en solitario, previsto para o 29 de maio.

A canción móvese nun territorio máis áspero, máis eléctrico, onde a guitarras deixan de acompañar para empurrar o relato cara adiante. Hai ecos dese rock nervioso que dialoga con referencias como Sonic Youth, The Breeders ou, incluso, Los Planetas, aínda que o importante aquí non é tanto a estética como o que sostén: unha historia de ruptura, de decepción e tamén de toma de conciencia.

Carlangas escribe dende un lugar recoñecible, onde as relacións persoais e profesionais se mesturan ata perder contornos. “Familia S.L.” coloca esa tensión no centro e dálle forma cunha descarga directa, sen demasiados rodeos, que deixa ver unha das caras máis crúas desta nova etapa.

O tema encaixa dentro do mapa que o artista vén debuxando nos últimos meses. Antes chegaron “Universo Paralelo”, que dá título ao disco, “Podería ser peor”, xunto a Leiva, e “Problemas”, en colaboración con Dear Joanne. Pequenas pezas que, xuntas, van construíndo un relato onde o persoal e o colectivo conviven nun equilibrio inestable.

Mentres tanto, o directo segue sendo o lugar onde todo isto colle dimensión. Nos vindeiros meses, Carlangas pasará por escenarios como Rock in Cambre, O Son do Camiño, FIB ou Sonorama Ribera, antes de levar o novo repertorio a salas como La Riviera ou Sala Apolo no outono.

“Familia S.L.” non resolve o conflito que expón. Máis ben o deixa á vista, aberto, como unha desas cancións que funcionan tamén como espello. E nese xesto, Carlangas segue afinando unha etapa na que a súa música parece menos cómoda, máis exposta, máis necesaria.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *