Galician Army e mariagrep miran ao club europeo dende Galicia en ‘GARLIN (sin dormir)’

O dúo lucense Galician Army continúa ampliando o seu universo sonoro xunto a mariagrep con ‘GARLIN (sin dormir)’, un novo sinxelo que afonda no seu achegamento á cultura club europea sen perder conexión cunha identidade propia construída dende Galicia. Publicada por Esmerarte, a canción xa está dispoñible en plataformas dixitais e funciona como unha nova declaración de intencións para o proxecto.

A relación entre Galician Army e mariagrep vén de atrás. Sergio Vallejo e Alberto Prado xa remixaran ‘LA PLAYA’ no 2023, dentro do disco NÓS, e posteriormente volveron colaborar tanto no universo individual da artista como no proxecto Cool Nenas, do que María forma parte. Esa continuidade nótase tamén na naturalidade coa que encaixan aquí a voz vulnerable e nocturna da cantante coa produción expansiva do dúo.

‘GARLIN (sin dormir)’ bebe directamente do french house dos noventa, cunha pegada evidente de Daft Punk e referencias ao pop electrónico contemporáneo de Fred again.. ou The Blessed Madonna. A canción acelera ese ADN cara un territorio máis próximo ao UK Garage e ao synthwave, deixando claro cara onde queren evolucionar Galician Army nos vindeiros lanzamentos: máis pista de baile, máis cultura club e unha procura constante da melodía como punto de conexión emocional.

O propio título da canción resume boa parte dese diálogo cultural. “Garlin” funciona como referencia cruzada entre Aquitania e Darlin’, a banda previa á creación de Daft Punk e Phoenix, mentres “sin dormir” coloca a canción nun espazo emocional recoñecible: a ansiedade, o exceso de pensamento e esa sensación de madrugada interminable que mariagrep converte en letra pop sen dramatismos impostados.

Visualmente, a portada tamén reforza esa lectura nostálxica e europea, recuperando códigos gráficos propios dos maxis de house dos anos noventa. Máis que un simple exercicio estético, a sensación é a dun proxecto que intenta conectar escenas e referencias sen caer na copia literal nin na simple reivindicación da nostalgia.

Este lanzamento chega ademais nun momento importante para Galician Army, que forman parte do programa BATEA, impulsado por Fundación Paideia Galiza e Esmerarte co obxectivo de acompañar artistas galegos en procesos de crecemento e consolidación.

Para unha escena galega que cada vez dialoga máis coa electrónica internacional sen renunciar ao contexto propio, ‘GARLIN (sin dormir)’ deixa tamén unha idea interesante: a de que xa non resulta estraño escoitar propostas feitas dende aquí pensando directamente en clubs europeos, festivais internacionais e dinámicas globais da música electrónica contemporánea.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *