Ortiga e Parquesvr cruzan camiños en “Tapuñalo”, un novo sinxelo no que a rabia, a traizón e a revancha entran en diálogo coa pista de baile. A canción chega en pleno arranque da tempada de festivais e reforza esa idea que leva anos atravesando parte da escena alternativa estatal: os ritmos latinos xa non funcionan como simple adorno estético, senón como unha linguaxe propia coa que moitos artistas están construíndo identidade.
Ao redor dunha cumbia villera con pulso verbeneiro, Ortiga continúa afondando nese lugar onde o popular galego, o humor, a retranca e a música de baile conviven sen complexos. “Tapuñalo” fala da ruptura da lealdade e da necesidade de expulsar a dor cara fóra. Non dende o dramatismo solemne, senón dende o exceso, a ironía e a catarse colectiva. Porque aquí a vinganza non aparece como silencio frío, senón como canción para cantar a berros.
A colaboración con Javi Ferrara encaixa con naturalidade nese universo. Parquesvr levan anos deixando pequenas fugas cara os ritmos latinos dentro do seu son, dende temas como “Pero” ata “Pasado de moda” ou “The Last of Us”. Nesta ocasión, a súa presenza empuxa a canción cara un territorio máis incendiario, alimentando unha tensión emocional que encaixa coa honestidade máis visceral que amosa Ortiga no tema.
Tamén hai algo simbólico nesta unión entre dous proxectos que, cada un dende o seu lugar, levan tempo cuestionando certas fronteiras da música alternativa estatal. Ortiga leva anos reivindicando a verbena, os ritmos tropicais e a cultura popular galega como espazos contemporáneos e válidos para a experimentación. Parquesvr, pola súa banda, representan esa xeración que converteu a irreverencia e a mestura de códigos nunha ferramenta creativa.
“Tapuñalo” chega ademais nun momento de plena actividade para ambos proxectos. Ortiga afronta un verán con preto dunha trintena de festivais e unha destacada data en sala o 13 de xuño na Sala BUT de Madrid dentro do ciclo Sound Isidro, mentres Parquesvr encaran tamén unha intensa tempada de directos antes da súa próxima xira de salas no outono.

