Medio ano de 2026 chegou para confirmar unha evidencia difícil de ignorar: a música galega vive un momento de enorme fertilidade discográfica. En apenas seis meses publicáronse unha cantidade ingente de discos de altísima calidade, traballos que permiten falar dunha escena diversa, ambiciosa e en movemento constante, dende a raíz ata o pop, dende o rap ata a electrónica, dende a canción de autor ata o rock máis ruidoso.
O dato é especialmente significativo se atendemos a tres nomes que, agora mesmo, ocupan un lugar central dentro da música galega contemporánea e acaban de editar disco. Evidentemente falamos de Tanxugueiras, Fillas de Cassandra e The Rapants. Tres proxectos aínda novos en termos discográficos, cunha traxectoria relativamente curta se a medimos en álbums publicados, pero cun impacto cultural xa enorme. O Cuarto, Tertulia e Rapants Club chegan como discos máis que notables dentro dos seus respectivos camiños, e tamén como novas pezas dun punto de inflexión que leva anos transformando a percepción da música feita en Galicia.
A súa importancia non reside só nas cancións. Está tamén no público que convocan, nos espazos que abriron, no uso natural da lingua, na capacidade para situar proxectos galegos no centro da conversa e na maneira na que demostraron que unha proposta nacida aquí pode medrar sen renunciar ao seu acento. Tanxugueiras, Fillas de Cassandra e The Rapants representan tres formas moi distintas de entender o presente, e sobre todo fixeron máis grande o marco de posibilidades para quen vén detrás.
Ao mesmo tempo, este arranque de 2026 tamén deixa outra lectura. Dá a sensación de que moitos artistas apuraron os tempos para publicar os seus discos nesta primeira parte do ano, procurando chegar con repertorio novo ao circuíto de festivais. Non é unha crítica negativa. Ten bastante sentido. Galicia conta cun calendario cada vez máis amplo de festivais e, aínda que o apoio ás bandas galegas segue sendo insuficiente e desigual, existe un certo reduto para elas en boa parte deses carteis. Ese espazo permite visibilidade, circulación e contacto co público.
Nesa mesma lectura cómpre situar tamén o momento da música urbana galega, posiblemente unha das grandes xeradoras de novo público nos concertos e nos directos do país. Arredor de nomes como 9Louro, Lg1do, Kid Mount, xmaseda65 ou XianPais está empezando a aparecer unha mocidade que xa non chega á música galega dende os códigos tradicionais do rock, do folk ou da canción de autor, senón dende linguaxes plenamente conectadas coa súa época. Son artistas criados nun contexto no que o reguetón, o trap e as novas músicas urbanas xa formaban parte do presente máis inmediato, sen complexos nin sensación de ruptura.
E iso tamén indica que algo está cambiando na escena galega. Hai cancións, públicos e formas de circulación que nacen fóra dos vellos centros de lexitimación, pero que xa están demostrando capacidade para convocar, emocionar e xerar comunidade. Falta, iso si, que os medios, os espazos culturais e certas estruturas de programación miren cara a eles con máis atención e menos distancia. Porque talvez o seguinte gran salto da música galega non dependa só dunha canción viral, senón de que esas cancións atopen un ecosistema disposto a acompañalas cando empecen a chegar a públicos menos pendentes da novidade diaria.
A cuestión é que ese apoio convive coa precariedade. Non todos os proxectos teñen sitio, non todos acceden ás mesmas condicións e non todos conseguen transformar unha presenza nun festival nunha estrutura sostible. A escena galega vive un momento luminoso, pero esa luz segue dependendo moitas veces da insistencia dos artistas, da militancia dos públicos e dunha rede cultural que aínda precisa máis coidado, máis risco e máis continuidade.
Por iso este repaso non quere funcionar como unha carreira por decidir cal é o mellor disco galego do ano. Interesa máis observar o conxunto. Ver que está pasando cando, en seis meses, coinciden traballos de artistas consolidados, discos de transición, debuts importantes, propostas urbanas, recuperacións da raíz, proxectos electrónicos, bandas novas de guitarras e voces que están construíndo outra maneira de contar Galicia. 2026 aínda vai pola metade, pero xa deixou material dabondo para entender que a música galega non está vivindo unha anécdota: está construíndo época.
9Louro — AMORRER
O crecemento de 9Louro está a ser exponencial. AMORRER confirma a capacidade das novas xeracións para crear dende lugares nos que a música galega aínda non gañara tanto territorio, abrindo espazos propios dentro dunha linguaxe urbana plenamente conectada co seu tempo. O disco funciona como unha celebración da vida, do amor, da amizade, do presente e dunha xeración que xa entende estes códigos como algo natural, sen necesidade de xustificarse.
Hai algo moi valioso no xeito no que Martín Louro constrúe o seu imaxinario: a súa música pode mirar ao club, á rúa ou á intimidade sen perder esa sensación de proximidade. AMORRER deixa a impresión dun artista que está ampliando escala sen baleirar a súa verdade inicial, medrando cara a fóra sen romper o vínculo emocional que explica boa parte da súa forza.
Dani Cornes — Aquí sempre tes casa
O novo disco de Dani Cornes constrúe un relato arredor da distancia, da migración e da pertenza. Aquí sempre tes casa funciona como unha porta aberta para quen marchou, para quen quedou e para quen vive nese lugar emocional intermedio no que a terra segue sendo raíz aínda cando a vida transcorre lonxe.
Hai nel unha dimensión conceptual moi clara. Galicia aparece como memoria, como idioma afectivo, como lugar ao que se volve tamén a través das cancións. Cornes mestura referencias contemporáneas cunha escrita íntima, e o resultado é un disco que mira á experiencia persoal da distancia sen perder unha lectura colectiva.
Aeronave Adolescente — Sueño con salones llenos
Daniel Valcárcel continúa facendo de Aeronave Adolescente un proxecto profundamente persoal, situado nese lugar no que a habitación acaba converténdose nun mapa do mundo. Sueño con salones llenos ten algo de retrato xeracional, de refuxio precario e de resistencia cotiá fronte a unha realidade que ás veces parece pedirnos que renunciemos á calma.
O disco móvese entre o lo-fi, o slacker rock, as atmosferas íntimas e unha melancolía luminosa que non busca dramatizarse. Hai ecos noventeiros, si, pero sobre todo hai unha mirada propia, no que as cancións, que parecen pequenas, van medrando por dentro, coma se o ruído da vida adulta entrase pola xanela e a música tentase ordenalo sen destruír a súa fraxilidade.
Familia Caamagno — Disco Comarcal
Familia Caamagno celebran quince anos de vida cun disco que soa a madurez sen perder nervio. Disco Comarcal mantén esa enerxía recoñecible da banda de Sigüeiro, mais sendo permeable a que entre power pop, rock bailable e melodías luminosas.
O título xa di moito. O comarcal confronta á centralización constante da industria musical. Familia Caamagno seguen facendo cancións dende unha identidade moi concreta, coa intelixencia de quen entende que evolucionar tamén pode consistir en xirar arredor dun mesmo ata descubrir novas portas.
Luis Fercán — Cerezos en Flor
Luis Fercán entrega en Cerezos en Flor un disco íntimo, producido por Nacho Mur. É un traballo que medra no detalle, na voz, na forma de contar aquilo que doe sen convertelo nun exercicio de exhibición emocional. A canción de autor aparece aquí nunha forma contemporánea, con raíces folk e unha escritura que busca luz dentro da ferida.
Fercán coloca as cancións nun punto no que a emoción non precisa grandes xestos para tocar fondo.
Antía Muíño — Anfibia por Veces
Anfibia por Veces consolida a Antía Muíño como unha das voces máis delicadas e singulares da nova canción galega. O disco habita varios elementos ao mesmo tempo: a raíz, o jazz-pop, a canción de autora, a percusión tradicional, a intimidade e unha elegancia que nunca cae na distancia.
A súa música ten algo tremendamente elegante. As cancións respiran coma se estivesen feitas para moverse tanto nun escenario pequeno, coma nun teatro ou a capella no medio da rúa. Antía Muíño canta dende unha sensibilidade moi incisiva, cunha forma de entender a tradición como materia viva e permeable.
Rebeliom do Inframundo — Orgulho
Orgulho é, por definición, un disco combativo. Rebeliom do Inframundo levan máis dunha década entendendo a música como trincheira e celebración, e neste traballo esa idea aparece máis depurada ca nunca. O orgullo do título tracciona como unha posición vital. Orgullo de banda, de lingua, de barrio, de clase e de raíz.
O grupo mantén a forza do rap, mais abre espazos para matices, arranxos e respiracións que conectan coa música do país. Hai dureza nas guitarras, conciencia nas letras e unha relación coa tradición que nunca aparece como adorno. Orgulho reafirma que facer música en galego dende determinados lugares xa implica unha forma de situarse no mundo.
The Rapants — Rapants Club
Despois de dous anos de crecemento espectacular, The Rapants tiñan diante un reto complexo: seguir medrando sen converterse nunha caricatura do seu propio éxito. Rapants Club abre unha nova etapa e amplía o seu imaxinario pop, mantendo esa conexión co público que os converteu nun dos fenómenos máis sólidos da música galega recente.
O disco entende o club como espazo de festa, pertenza, desexo de comunidade e vontade de levar o directo a outro tamaño. The Rapants continúan traballando cunha idea moi física da canción, feita para ser cantada e bailada pero cada vez con maior conciencia de arquitectura pop.
MJ Pérez — Je tiens bon
O regreso de MJ Pérez con Je tiens bon ten a forza de quen sabe que resistir tamén pode ser unha forma de beleza. Cinco anos despois do seu anterior traballo de estudo, a artista volve cun disco atravesado pola precariedade, o esgotamento, a vivenda imposible e a necesidade de manterse en pé sen converter esa resistencia nunha consigna baleira.
A produción de Peter Petrowski acompaña un material que estilísticamente móvese entre unha gran amalgama de xéneros no que aparecen a canción de autora, o pop, o rock, o fado, os ritmos latinoamericanos e, por suposto, pulsos da terra.
Unto Vello — Inmaterial
Unto Vello converten as recollidas de música tradicional galega nun proxecto de baile, comunidade e presenza. Inmaterial é o seu primeiro disco, producido por Hevi, e parte da idea de que aquilo que parece intangible —a memoria oral, o baile, a transmisión— pode ter corpo, ritmo e continuidade.
O dúo formado por Bieito Pereira e Xabi Gómez traballa dende a tradición sen envolvela nunha vitrina. O disco está pensado para moverse, para xuntar xente, para lembrar que a música popular tamén é unha tecnoloxía comunitaria moi sofisticada.
Querido — ¿Qué seré yo?
Querido publican un disco construído arredor da dúbida. ¿Qué seré yo? fala da entrada na vida adulta, das certezas que se rompen e da incomodidade de non saber moi ben como habitar un mundo que semella funcionar a golpes da présa. As colaboracións con David Ruiz (La MODA), Merino, Veintiuno e Iván Ferreiro (o pai do cantante) amplían un universo que medra dende a pausa e a reflexión.
Hai algo especialmente interesante no seu xeito de ir contra a velocidade dominante. Querido habitan dentro da interrogación cun pop introspectivo e expansivo que busca atopar o seu propio espazo nun mundo que busca temas inmediatos e virais.
Xoel López — Oniria Popular
Xoel López chega en Oniria Popular a un punto híbrido no que parecen conectarse moitas das derivas estilísticas da súa discografía. O disco recolle algo da elegancia melódica, da procura rítmica, da canción de autor, da viaxe latinoamericana e desa capacidade para facer que un arranxo aparentemente pequeno modifique por completo a temperatura emocional dunha canción.
Hai en Oniria Popular unha sensación de solemnidade luminosa, de disco traballado con paciencia e cun gusto impresionante polos matices. Para moita xente está sendo un dos mellores traballos de Xoel López nos últimos anos, precisamente porque é unha síntese madura do seu universo. É un deses discos que pide varias escoitas, que medra nos detalles e que probablemente acabará de eclosionar no directo.
Portosanto — Ten que haber un sitio para nós
Portosanto nacen das cinzas de Oh! Ayatollah, mais Ten que haber un sitio para nós permite ler esta nova formación como algo máis ca un simple cambio de nome. O disco funciona tamén como unha reivindicación dunha escena galega de principios dos 2000 que comezou a esbozar algúns dos camiños polos que hoxe transita boa parte da música feita en Galicia. Proxectos sen grandes pretensións mediáticas, pero cunha ambición musical enorme, coidada e cada vez máis pulida.
Aquí hai moito pop rock alternativo construído arredor de riffs brillantes, guitarras luminosas e cancións que respiran ilusión sen caer na inxenuidade. Ten que haber un sitio para nós deixa ver tamén a un Nuno Pico afastado do universo máis abrasivo de Grande Amore, cantando dende outro lugar, con outro optimismo e outra temperatura emocional, pero sen perder a súa esencia.
Alana — Un saber
Alana continúan ocupando un lugar moi singular dentro da nova escena galega. Un saber mira cara á tradición oral, mais faino dende a electrónica, dende o pop e dende unha vontade rítmica que entende a raíz como algo que se transforma.
O trío formado por Eloy Vidal, Antía Vázquez e Pablo Castro entrega un segundo disco de evolución e madurez. Hai nel unha procura de linguaxe, unha forma de traballar co herdado sen convertelo nun molde fixo. Un saber é tremendamente ambicioso na súa estructura musical. Probablemente un dos discos que mellor entende á musica tradicional nun contexto contemporáneo.
Fillas de Cassandra — Tertúlia
Despois do impacto conceptual de Acrópole e do paso narrativo e experimental que significou Hibernarse, Fillas de Cassandra regresan con Tertulia, un paso de xigante dentro da súa discografía. O disco amplía moitísimo o seu son e sitúa o dúo nun lugar especialmente estimulante: poucas propostas galegas recentes souberon recoller con tanta precisión algunhas das tendencias que parecen chamadas a romper nos vindeiros anos, facéndoo ademais dende un discurso coherente, cohesionado e profundo.
Tertulia confirma a Sara Faro e María SOA como dúas das alumnas máis aventaxadas da xeración actual. A súa traxectoria aínda é curta, pero avanza cunha claridade case impoluta, apoiada nunha estética sonora arriscada, chea de capas instrumentais, texturas e decisións que expanden o seu universo sen diluílo.
Facendo honra ao seu título, Tertulia dará moito que falar. E cada vez que alguén as vexa en directo entenderá mellor por que Fillas de Cassandra son unha das grandes puntas de lanza da música galega actual.
Wöyza — Valiosa
Wöyza volve cun disco que reafirma o seu lugar como unha das grandes voces pioneiras do hip hop, o soul e o R&B feito dende Galicia. Valiosa chega tras varios anos sen álbum en solitario e pon en primeiro plano unha mensaxe de autoestima, feminismo e afirmación persoal.
O disco móvese con solvencia entre a elegancia vocal, o groove, a contundencia e unha escrita que non renuncia á conciencia. Wöyza leva dúas décadas abrindo camiño, e Valiosa soa a regreso, pero tamén a recordatorio: hai artistas que sosteñen escenas moito antes de que esas escenas reciban atención.
Tanxugueiras — O Cuarto
O Cuarto chega nun momento simbólico: dez anos de traxectoria, catro anos despois do seu anterior disco e como cuarto álbum da banda. Tanxugueiras deciden baixar revolucións, mirar cara a dentro e construír un traballo máis orgánico, vocal e íntimo, sen perder a forza identitaria que as converteu nun fenómeno cultural.
O disco atopa un equilibrio moi ben traballado entre a raíz e unha produción contemporánea que amplía o seu alcance. A identidade cultural galega está presente en todo momento, mais aparece integrada nun álbum moi coral, no que a conxunción das voces e o traballo para que se complementen resulta sobresaliente. Máis alá da tradición, O Cuarto tamén ten moito de pop industrial e electrónico, con bases, impulsos e golpes rítmicos que fan que funcione moi ben dende a primeira escoita. Como acontece con outros discos desta colleita, probablemente será no directo onde se vexa ata onde poden chegar realmente estas poderosas cancións.
XianPais — Apóstoles
No terreo urbano, Apóstoles de Xian Pais deixa outra pista do momento que atravesa unha nova xeración de artistas galegos. A súa música entende o rap e os códigos actuais dende unha lóxica de comunidade, pertenza e linguaxe xeracional.
É un traballo breve, pero significativo dentro dese ecosistema no que nomes como Yuly, Kid Mount ou 9Louro están axudando a construír unha escena con circulación propia. Hai algo interesante nesa maneira de crear relato arredor do grupo, da fe compartida e dunha identidade que xa non necesita traducirse para existir.
Triángulo de Amor Bizarro — Mi Catedral
Triángulo de Amor Bizarro regresan como trío con Mi Catedral, o seu primeiro disco en Sonido Muchacho e un dos traballos máis intensos desta primeira metade de 2026. O álbum mantén a súa capacidade para facer do ruído unha linguaxe crítica, pero introduce novos elementos: pianos, cordas, tensión kraut, ecos do rock vasco e unha arquitectura máis ampla.
Mi Catedral volve ser un disco sobresaliente dentro dunha discografía practicamente impoluta. Triángulo de Amor Bizarro seguen a traballar as cancións como lugares de impacto, cunhas letras capaces de deixar frases, imaxes e versos que quedan golpeando na cabeza de quen escoita. Hai nelas unha vontade de incomodar, de provocar reflexión e de mirar o presente sen suavizar as súas zonas máis escuras.
Nese sentido, TAB continúan sendo unha das bandas máis políticas, ou polo menos máis politicamente explícitas, do circuíto actual de festivais. A súa música non funciona como simple evasión, senón como unha forma de intervir no ruído do mundo. Novamente, Triángulo de Amor Bizarro entregan algo difícil de reducir a unha etiqueta: un disco enorme, tenso, estraño e profundamente necesario.
Blanco Palamera — blllp
Blanco Palamera continúan movéndose nun espazo propio, entre o pop sofisticado, a electrónica, o R&B, a música de club e unha sensibilidade profundamente contemporánea. blllp mantén esa relación tan súa coa textura, coa sensualidade sonora e coa canción como superficie mutante.
O dúo compostelán sempre traballou nun lugar difícil de clasificar, e quizais aí reside parte do seu valor. A súa música parece escapar das etiquetas habituais da escena galega, ao tempo que dialoga con ela dende unha posición moi libre. blllp reforza esa idea de pop líquido, elegante e raro.
Carlangas — Universo Paralelo
Carlangas volve cun rock fácilmente dixerible en Universo Paralelo, o seu terceiro disco en solitario. Despois de explorar outros camiños nos seus traballos anteriores, aquí reaparecen con máis forza as guitarras, o baixo, a batería e unha enerxía que conecta co seu ADN musical sen quedar atrapada nel.
O disco nace como refuxio fronte á sobreinformación, á violencia e á escuridade do presente. Ese universo paralelo é un parapeto emocional, un lugar dende o que seguir facendo cancións sen deixar que o ruído o devore todo. Carlangas soa directo, afiado e vital, coa ironía e a ollada popular que sempre o acompañaron.
Néboa — Barco Fantasma
Barco Fantasma é unha das viaxes máis suxestivas do ano. Néboa constrúen un disco atravesado polo imaxinario marítimo: afundir, navegar, atracar, arder, lembrar, transformarse. O álbum móvese entre o pop alternativo, a experimentación, a electrónica, o neo-folk e unha conexión coa cultura galega e lusófona que lle dá unha identidade moi particular.
É un traballo de atmosfera, deses que piden tempo e devolven matices en cada escoita. As colaboracións amplían a súa dimensión coral e o disco funciona coma unha travesía emocional. Barco Fantasma deixa a sensación dunha banda que decidiu levar o seu universo ata un territorio máis profundo, máis raro e máis propio.
Boyanka Kostova — X
Boyanka Kostova celebran dez anos de traxectoria con X, un disco que funciona ao mesmo tempo como aniversario, reafirmación e nova descarga de enerxía. O dúo formado por Cibrán García e Chicho chega a esta etapa despois de abrir camiño no trap en galego e de desprazar o seu son cara a unha electrónica cada vez máis salvaxe, directa e festiva. O álbum foi publicado por Raso Estudio e inclúe cancións como “Tusiwaracha”, “Bota un culín”, “Saikoloko” ou “Cando prende a luz”.
O valor de X está tamén na súa dimensión histórica. Boyanka levan unha década demostrando que a música galega podía ocupar o espazo urbano, nocturno e hedonista sen perder acento propio. Neste disco a festa volve aparecer como linguaxe. Hai humor, exceso, club, barrio, retranca e unha forma moi libre de entender o popular.
Lg1do — Sobresaliente
O debut de Lg1do ten tamén un valor simbólico. Saúl Rodríguez, artista de Santa Comba, publica Sobresaliente coincidindo co remate da PAU e co peche da súa etapa de Bacharelato. Esa coincidencia biográfica coloca o disco como o paso dunha idade a outra, como o comezo dunha carreira e como a vontade de entrar na escena con voz propia.
A súa viralidade colocou o proxecto no foco, pero o disco cumpre con creces máis alá dese primeiro impacto. Hai nel unha produción coidada, unha procura constante de personalidade e unha maneira de entender a música urbana dende dentro, como linguaxe natural dunha xeración que xa medrou con estes códigos incorporados.
Queda moito camiño por diante, pero Sobresaliente funciona como unha primeira foto moi significativa.
Filtro — Filtro
Filtro representan outra vía emerxente da escena coruñesa. O seu primeiro disco, Filtro, chegou en marzo como consolidación dun proxecto que xa viña publicando EPs e singles dende 2022. A banda traballa arredor dun pop-rock fresco, pegadizo e de vocación directa, cunha identidade aínda en construción, pero cunha capacidade clara para facer cancións inmediatas.
Neste mapa de 2026, Filtro ocupan o lugar dos grupos que comezan a formar público dende abaixo, concerto a concerto, canción a canción. A súa proposta parece dialogar cunha escena de guitarras que nos últimos anos despuntou especialmente en Madrid ao rebufo de Carolina Durante, mais tamén coa memoria do indie-rock dos 2000 coa que medrou boa parte da súa xeración. Un proxecto máis que interesante que convén poñer xa no radar.
Montedapena — Menos Mal
Montedapena continúa definindo o seu universo con Menos Mal, un EP de cinco cancións editado por Ernie Records no que Héctor Rodríguez amplía a vía máis directa, irónica e vitalista do proxecto. O traballo chega despois do eco de temas como “Me tiré a un facha” ou “Lista de checks” e reúne colaboracións con Platerías, Ash Diz e Jagoba.
A súa forza está nesa mestura entre sátira xeracional, enerxía pop e incomodidade cotiá. Menos Mal encaixa moi ben nesta colleita de 2026 porque representa unha forma de pop alternativo que mira o presente sen solemnidade, pero con bastante máis fondo do que parece nunha primeira escoita.
Apolo18 — Intentos de facer vida
Apolo18 son unha das aparicións máis estimulantes do rock alternativo galego recente. Intentos de facer vida compila varios dos seus adiantos e funciona como primeiro EP dunha banda moi nova, coruñesa, que parece entender con sorprendente naturalidade os códigos do rock alternativo dos 90, o shoegaze, o emo e a distorsión como ferramenta expresiva.
As súas cancións adoitan nacer cun ton introspectivo, case de balada contida, pero sempre acaban desbordando. Hai melodías que parecen pedir silencio e guitarras que entran para rompelo todo. Facía tempo que non aparecía en Galicia unha banda así: nova, ruidosa, emocional e con moito por facer.
Arrhythmia — CERØ
Arrhythmia abren unha nova etapa con CERØ, un EP publicado por Galunk Producións. O grupo lucense mantén a súa enerxía e o seu discurso, cunha claridade de ideas sobresaliente e con máis experimentación sonora e novas texturas electrónicas e pop dentro dun marco que segue conectado ao metal alternativo e ao metalcore.
O disco equilibra introspección e crítica social. Cancións como “mesIAs” apuntan cara aos gurús dixitais e ás formas contemporáneas de manipulación, mentres o conxunto do EP reforza a idea dunha banda que quere redefinirse sen perder contundencia. CERØ é breve, pero deixa marca.
Unha colleita que fala dun país musical diverso
Vistos en conxunto, estes discos debuxan unha Galicia musical moi viva. Hai artistas consolidados que revisan a súa propia historia, como Xoel López, Carlangas, Tanxugueiras ou Triángulo de Amor Bizarro. Hai proxectos que amplían a conversa arredor da raíz, como Antía Muíño, Alana, Unto Vello, Fillas de Cassandra ou Néboa. Hai escenas urbanas que medran con nomes como 9Louro, Lg1do, Xian Pais, Wöyza ou Rebeliom do Inframundo. Hai bandas novas de guitarras, como Apolo18 ou Filtro, que lembran que todo futuro musical precisa tamén locais pequenos, ruído, ensaio e fame.
O máis importante quizais sexa iso: 2026 está deixando discos que non responden a unha única idea de Galicia. Hai moitas Galicias soando á vez. A rural e a urbana. A tradicional e a dixital. A que baila, a que berra, a que lembra, a que busca casa, a que se senta a falar, a que prende un amplificador para ver se entre tanta distorsión aparece algo parecido a unha verdade.
E aí, nesta diversidade imperfecta e fértil, está a mellor noticia posible.

