Caamaño & Ameixeiras e Tarta Relena unen voces en «O meu amor», unha despedida que bota a andar

O dúo galego Caamaño & Ameixeiras presenta hoxe «O meu amor», un novo sinxelo realizado en colaboración co proxecto catalán Tarta Relena. A canción parte dun tema tradicional dos Açores que chegou ao imaxinario da música galega a través de Leilía, para construír unha peza pausada arredor da ausencia, da memoria e da capacidade de continuar camiñando malia as perdas.

«O meu amor» afonda nunha desas emocións universais que atravesan xeracións e culturas. A canción fala da ferida que deixa quen marcha, pero tamén da persistencia dos afectos e da maneira na que o recordo segue acompañando cando a ausencia xa forma parte da paisaxe. Unha reflexión que bebe da tradición oral para dialogar con sentimentos que seguen a ser plenamente contemporáneos.

A interpretación sitúa no centro o órgano da Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela, executado por Sabela Caamaño, que converte o espazo sonoro nun lugar de recollemento e respiración. Sobre esa base, a voz de Antía Ameixeiras entrelázase coas de Tarta Relena nunha polifonía que amplifica o carácter emocional da peza e reforza a conexión entre distintas tradicións musicais da península.

A colaboración chega nun momento de consolidación para Caamaño & Ameixeiras, unha das propostas máis singulares da música de raíz galega contemporánea. Dende os seus inicios en 2018, o dúo construíu unha linguaxe propia na que a tradición convive con recursos actuais, un camiño que acadou unha nova dimensión con Quitar o aire (2023), producido por Hevi, de Malandrómeda.

A publicación de «O meu amor» chega acompañada dun videoclip realizado xunto a Tarta Relena e amplía unha traxectoria marcada pola vontade de dialogar coa tradición sen quedar atrapada nela. Unha canción que entende o loito como unha forma de seguir mantendo viva a presenza de quen xa non está.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *