Galician Army afondan no seu universo electrónico con “UFO”, un novo adianto orientado á pista de baile

O dúo lucense Galician Army continúa ampliando o seu particular universo sonoro coa publicación de “UFO” (Esmerarte, 2026), un novo sinxelo xa dispoñible en plataformas dixitais que reforza a conexión do proxecto coa electrónica de club sen renunciar á dimensión cinematográfica que leva acompañando a súa música dende os seus inicios.

Construída arredor dun ritmo de 140 BPM, a canción móvese entre o french house e as raíces techno, apoiándose nunha melodía ascendente de sintetizador que funciona como eixo principal da composición. A peza incorpora tamén algúns dos elementos habituais do son de Galician Army, como os arpexios e os cambios de atmosfera, que contribúen a dotar o tema dunha identidade propia máis alá da súa evidente vocación para o directo.

Aínda que “UFO” aposta por unha enerxía máis próxima á rave e á pista de baile, o tema mantén tamén a pegada synthwave presente en boa parte da súa discografía. Un aspecto que se aprecia especialmente no tramo central da canción, onde as texturas melódicas gañan protagonismo e introducen un contraste coa intensidade rítmica do conxunto.

Segundo explican os propios artistas, trátase dun dos poucos cortes instrumentais que produciron ata o momento e dunha composición que marca a dirección que queren explorar nos próximos lanzamentos. Unha proposta pensada para unir as dúas vertentes que definen o proxecto: a música de club e a capacidade evocadora das bandas sonoras.

A publicación de “UFO” chega ademais nun momento de crecemento para o dúo, que forma parte do programa BATEA, unha iniciativa impulsada por Esmerarte e a Fundación Paideia Galiza para acompañar artistas en proceso de consolidación profesional.

Nos vindeiros meses, Galician Army continuarán levando o seu directo a diferentes escenarios, con actuacións previstas en citas como a Makrofesta de Tomiño, A Moura Fest, as Festas do Bote en Arzúa ou o Recorda Fest da Coruña, onde presentarán o seu directo en formato live set.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *